miércoles, 24 de octubre de 2012

Memoria de Sada

Paseo en bicicleta, rúa Barrie de la Maza (ver en Memoria de Sada)
Memoria de Sada (memoriadesada.com) é un arquivo fotográfico da historia de Sada. Naceu a comezos de 2012 nun curso na aula CeMIT de Sada. Detrás da páxina están Maruja Babío, Pura Pardo, Jesús Francos, Lina Andrade, Maribel Brandariz, Maise Vázquez e María Romero que son os que escribiron os textos e recopilaron as fotografías, e eu, Víctor, que me encargo do apartado técnico e axudar coas fotos e textos.

En outras actividades antes de Memoria de Sada (Memoria dos oficios, neste blog ou Sada no mapa) comezamos a recopilar fotografías antigas, decatándonos do seu interese histórico para contar como era a vida en Sada ao longo deste século. Decatámonos tamén do interese entre todos vós por estas fotos antigas, en cursos e por correos todo o mundo pedía ver máis fotos, e así surxiu Memoria de Sada. Na páxina queremos recoller a evolución da vila a través das fotos.


Festas de agosto nos anos 20 (ver en Memoria de Sada)

Comezamos así a recoller fotos, ao comezo escaneando de libros, despois pedindo aquí e acolá, convencendo pouco a pouco a todos para que nos deixaran as fotos. Organizámonos e a través de cursos e postas en común o proxecto foi evolucionando ata o que temos hoxe en día. Tan importantes como as fotos son os textos que as acompañan, escritos e recopilados íntegramente polos mencionados máis arriba. A meirande parte das fotos foron aportadas por veciños e veciñas de Sada, aos que lles queremos agradecer enormemente o esforzo de buscalas e cedérnolas para ser expostas aquí, sen elas non sería posible.

Unha avioneta na praia de Sada, ano 1929 (ver en Memoria de Sada)
Agora mesmo pódense ver 358 fotos na páxina. Están divididas por temas polos que se pode navegar na súa parte superior: traballo, festas e lecer, patrimonio, escola, xente entre outros. Pero a páxina está medrando continuamente e tamén nunha mellora constante cambiando os textos das fotos e engadindo nova información. Na parte superior pódese ler tamén información sobre a páxina, agradecementos aos que compartiron fotos ou a forma de poñerse en contacto con nós.

Carros de patexo detrás da Terraza (ver en Memoria de Sada)
O contido da páxina está en galego e castelán. A idea inicial foi que estivera íntegramente en galego, pero algunhas das persoas que escribiron os textos das fotos sentíanse máis cómodas escribindo en castelán polo que decidimos deixalo nos dous idiomas, sabendo que non é o máis axeitado, pero asumíndoo como un tema secundario e unha evolución natural da páxina, ademais da imposibilidade técnica e de tempo de telo nos dous idiomas.

Rematar dicindo que queremos animarvos a que continuedes achegándonos fotos novas ou corrixir ou ampliar datos sobre as que hai (lugar e ano no que foi feita, persoas que aparecen...), no apartado contacta podes atopar o noso enderezo electrónico. Agardamos que esta páxina sexa punto de encontro para todos os que estamos interesados na historia do noso pobo, pois cremos firmemente que coñecer algo é o primeiro paso para amalo.

Unha selección de fotos de Memoria de Sada:

Chegada do primeiro tranvía a Sada en 1922 (ver en Memoria de Sada)
Calle Mayor, hoxe Linares Rivas no ano 1952 (ver en Memoria de Sada)
Carreira de burros no ano 1962 (ver en Memoria de Sada)
Río Mayor (ver en Memoria de Sada)
Avenida República Argentina desde avenida da Mariña (ver en Memoria de Sada)

No hay comentarios:

Publicar un comentario